SonarCinema
Synth Britannia

Director: Ben Whalley
Duración: 90 minutos

Este excelente documental producido pola BBC repasa a vida e obra de toda unha xeración de músicos que, xusto despois da explosión punk, decidiron achegarse ao sintetizador dunha forma radicalmente distinta, para borrar de golpe calquera connotación experimental e colocar a música sintética baixo os focos dos escenarios do pop británico. Con Kraftwerk e JG Ballard como principais fontes de inspiración para a súa nova utopía sonora, estes artistas capitanearon a finais dos setenta a revolución musical que lle deu á década seguinte, os anos oitenta, o seu característico son electrónico. Da man dos seus principais protagonistas, a cinta de Ben Whalley conecta os puntos entre as distintas fases deste fenómeno cultural: dende Human League a Pet Shop Boys, pasando por Depeche Mode, Daniel Miller, Soft Cell ou Ultravox.


Amplified Gesture

Director: Phil Hopkins
Duración: 55 minutos

"Amplified Gesture" é unha orixinal introdución ao xénero da improvisación libre, dos seus protagonistas e da súa filosofía. Este filme documental produciuse expresamente para acompañar a publicación do álbum de David Sylvian "Manafon", e presenta o testemuño dos distintos improvisadores que participan tamén no disco de Sylvian. Un reparto de absoluto luxo que inclúe as figuras máis prominentes da escena da improvisación internacional, como Otomo Yoshihide, Toshimaru Nakamura, Christian Fennesz, Keith Rowe, Eddie Prévost, Sachiko M., Evan Parker, John Tilbury, Werner Dafeldecker, Michael Moser e John Butcher.



Sónar around the world

Directores: Josep Maria e Salat Jofre Font
Duración: 65 minutos

Tomando o Sonarsound en Bos Aires como punto de partida, e pasando logo polo anterior Sónar en Barcelona, máis os Sonarsounds en Hamburgo e o dobre desembarco asiático do festival (Tokio e Seúl), este documental realizado por Televisió de Catalunya ofrece un seguimento detallado das diferentes experiencias de Sónar arredor do mundo durante o ano 2006. Unha cinta que analiza o fenómeno no que se converteu Sónar máis dunha década despois do seu nacemento, ao tempo que achega o público a diferentes escenas e contextos culturais, unidos por unha paixón común pola música avanzada e o espírito innovador do evento.



Finisterrae

Director: Sergio Caballero
Duración: 80 minutos

“Finisterrae” non é a típica película. A propia concepción do filme é insólita, cunha formulación que parte, en primeiro lugar, da rodaxe e a obtención das imaxes para elaborar despois o guión e, finalmente, engadir os diálogos. Este proceso permitiu experimentar coa estrutura clásica dunha “road movie” e traballar coa liberdade que proporciona non ter que cinguirse a un guión pechado. O resultado é cine singular e enigmático, preñado dunha atmosfera moi particular, cheo de imaxes dunha plasticidade pouco usual e un sentido do humor irónico e surrealista.

“Finisterrae” narra a historia de dúas pantasmas que fartas de transitar no territorio das penumbras, deciden realizar o Camiño de Santiago ata o fin do mundo para, unha vez alí, comezar unha etapa terreal e efémera no mundo dos vivos. Un recorrido introspectivo por territorios inhóspitos no que se encontrarán con seres estraños, animais salvaxes e insólitas personaxes. Deberán sortear situacións inesperadas, lidar coas súas propias tensións e debater coas dúbidas da súa condición fantasmal .


Horarios
Venres 18
Sábado 19
18.00 Finisterrae
19.30 Synth Britannia
21.10 Amplified Gesture
22.20 Sónar around the world
18.00 Finisterrae
19.30 Synth Britannia
21.10 Amplified Gesture
22.20 Sónar around the world